Wiki Cousas de Irmás
Registrarse
Advertisement
Segue o teu xeito
4
Número de episodio 4
Tempada 1
Número total 4
Título en Teremedó Saġeḣ le ṭeu §eyṭ
Título en Portugal Segue o teu jeito
Data do trinque 11 de xaneiro do 2015
Lista de episodios
anterior
Gran broma
seguinte
A rapariga que tes que ser
Cousas de Irmás

Segue o teu xeito é o episodio 4 da tempada 1 da serie Cousas de Irmás e o episodio 4 en total. Estreouse o 11 de xaneiro do 2015.

Argumento[]

O episodio empeza no edificio Pulá de Bàrcinon o 1 de xaneiro do 2015, onde os oficiais da FEF están preparados para engalar a nave FEF 09 e farase moi pronto. Entón uns homes din que todo está listo, e as portas da cúpula de Pulà ábrense. Entón, a nave FEF 09 engala e sae pola cúpula, mentres uns helicópteros da televisión están a gravar a engalaxe da nave. Na casa de Kimberly e Karla, as dúas raparigas están a ollar desde a televisión o lanzamento da FEF 09. A nave voa polo ceo da cidade, e chega ata o espazo.

10 días despois…

Kimberly está a traballar no seu cuarto, e entón Karla vén ollar o traballo. Karla pregunta: “Vexo que estás co teu proxecto… Será que es hábil para facer todo ben?”. Kimberly garda o seu proxecto nun armario do seu cuarto, e di: “Vexo que o terei que rematar despois”. Karla di: “Tes que esconder sempre todo para facer que eu non o poida ver? Cando quixeres ensinarme algunha cousa, xa mo dirás”. E Karla vaise enfadada. Kimberly sae do seu cuarto e di que quere dar un paseo pola cidade aos seus pais. Logo di a Karla en voz baixa: “Jordy”. Os pais aceptan, e Karla di que irá coa súa irmá.

As raparigas van co metro ata o hotel Kasa Tot, para falar con Jordy Kúdigy. Entran na sala principal do hotel, e hai un home en recepción. Kimberly pregúntalle por Jordy, e o home responde que agora está a facer algunha cousa importante e está ocupado. Kimberly pregúntalle canto tardará, e o home di que uns 20 minutos. Karla di que poden esperar, e o home responde: “Como tedes moitas ganas de falar con el, imaxino que sodes amigas de Jordy, verdade? Virá convosco cando el tiver tempo libre”. As dúas raparigas están de acordo en esperar.

Kimberly colle o obxecto da FEF que proxecta hologramas, e di a Karla que aínda o ten. Karla di que este obxecto foi o causante dunha mala broma, pero Kimberly di que descubriu que este obxecto tamén pode facer invisible ás persoas. Karla pregúntalle como é posible, e Kimberly responde que o obxecto crea un holograma baleiro nunha persoa, que fai que se vexa o que hai detrás da persoa. Ou sexa, a persoa queda invisible. Karla pregúntalle o que está a pensar facer, e Kimberly di que entrará no despacho de Jordy para investigar. E di a Karla: “Hai un vello refrán que di: Segue o teu xeito”.

Kimberly entra no despacho de Jordy, e Karla decide seguir a súa irmá. As dúas raparigas atopan un obxecto cun botón. Kimberly quere pulsar o botón, pero Karla pregúntalle se ten a certeza do que está a facer. Kimberly di que se este obxecto for o que ela está a pensar, non pasará nada. Kimberly pulsa o botón e ábrese un portal. Karla pregunta cara a onde leva este portal, e Kimberly di que a única maneira de sabelo é entrar nel. As dúas raparigas pasan polo portal, e rematan nunha sala con instrumentos de alta tecnoloxía. E Jordy está nesta sala.

Jordy di ás raparigas: “Sabíao. Supoño que queredes ver todo isto para satisfacer a vosa curiosidade, verdade? Para saber o que é todo isto, vide e ide con coidado. E non podedes dicir nada de todo isto a ninguén, está ben?”. Kimberly e Karla din que están de acordo, e Jordy explica ás raparigas que esta sala é unha sala secreta pertencente á FEF, e desde aquí Jordy ten o control de varias cousas, algunhas co permiso do alcalde de Bàrcinon. O alcalde proporcionaralle todo o que Jordy quixer se for necesario para a FEF, e ademais desde aquí Jordy pode contactar coa Terra.

Jordy di que debería volver ao seu traballo na recepción do hotel, e o tres saen da sala secreta da FEF co portal, e fóra Jordy pon unha protección máis alta no botón que activa o portal, e di unha vez máis ás raparigas que non digan nada disto a ninguén. O home que estaba en recepción pregúntalle a Jordy quen son estas dúas raparigas, e Jordy di que son as súas amigas e que está todo ben. Kimberly di a Karla que deberían volver a casa, e as dúas vanse. Na rúa, Karla di que lle gustaría saber máis sobre a FEF, e Kimberly di que hai moitas máis cousas que non saben.

No metro, as dúas raparigas están na liña 4, e o tren párase no túnel. Karla pregunta o que farán agora, e Kimberly di que non sabe. Karla lembra á súa irmá a frase “Segue o teu xeito”, e Kimberly di: “Déchesme unha idea!” e vai ata a cabina do condutor. Karla queda sentada sen saber o que está a pensar a súa irmá, e Kimberly pregunta ao condutor: “Que pasou?” e o condutor responde que se desconectou todo. Kimberly pregunta se ela podería axudar, e o condutor di que alguén tería que empuxar o tren. Kimberly di: “Iso faremos!” e o condutor non sabe por que ela dixo iso.

Kimberly di aos pasaxeiros: “Axudádeme con telecinesia a facer que o tren chegue á seguinte parada!” e a xente non sabe o que facer. Kimberly di: “Lembrade o refrán que di: Segue o teu xeito. Pois vós sabedes un xeito para axudar este tren, e teño a certeza que é o mesmo xeito que o meu”. E a xente empeza a concentrarse para usar telecinesia e mover o tren. E coa telecinesia, o tren sae do túnel e chega á seguinte parada. Karla di a Kimberly que non quere continuar no tren e prefire chegar a casa con autobús, e Kimberly di que ela tamén pensa o mesmo.

As dúas raparigas collen o autobús 20 na praza das “Ġlôrias”, onde quedaron co metro, e van cara á súa casa. No autobús, Karla di a Kimberly que están a pasar por baixo da súa escola, pero Kimberly está a pensar noutra cousa. Cando as raparigas chegan a casa, os seus pais lémbranlles que o día seguinte teñen que ir á escola. Karla di que houbo un problema no metro, pero puideron chegar. Pero Kimberly non di nada e vai ao seu cuarto, e pecha a porta para que ninguén poida entrar. Entón Kimberly colle o proxecto que ha de facer para a escola, sorrí e remata o episodio.

Advertisement